Thursday 02 de May de 2024

O Pazo acollerá mañá o concerto de ópera bufa “El Barbero de Sevilla”, da compañía Concerlírica


O Pazo da Cultura acollerá mañá ás 20.00 horas un concerto de ópera bufa a cargo da compañía Concerlírica. “El Barbero de Sevilla” é o titulo desta peza, de preto de dúas horas e media de duración e que terá dous descansos de dez minutos.

Esta ópera baséase na comedia homónima de Pierre-Agustín de Beaumarchais, que foi estreada no ano 1816 no Teatro Argentina de Roma. Con música de Gioachino Rossini e libreto en italiano de Cesare Sterbini (haberá unha pantalla con subtítulos en castelán), divídese en dous actos e está ambientada na Sevilla do século XVII. A súa temática céntrase nunha historia de amor en clave de humor e hoxe en día esta peza é un referente dentro das comedias musicais e a máis importante das óperas bufas.

As entradas teñen un prezo de 35 euros para o público xeral e de 24,50 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).